CASTELLANO



Por fin che traemos unha das partituras máis demandadas da música actual para gaita e que non pode faltar no repertorio dun gaiteiro moderno. Composta por Pablo Devigo con tan só 17 anos, Bría foi gañadora do Concurso Internacional de Composición para Gaita Galega Constantino Bellón en 2008 e é unha peza admirada e solicitada por multitude de gaiteiros de todo o mundo.

Pablo Devigo revisou exhaustivamente para a ocasión a partitura da versión para gaita e piano. Mimamos ao máximo a edición para que teñas a posibilidade de tocar nas mellores condicións unha obra clave na música galega.

Edición trilingüe en galego, castelán e inglés. O libro contén a partitura xeral para gaita e piano, a particella para gaita e notas explicativas do autor.



Na Antigüidade no lugar onde hoxe está Mondoñedo había outra cidade: Bría.
Reinaba o rei Cintolo, que tiña o seu castelo onde hoxe está a cova. Nel vivía tamén a súa fermosa filla Xila, pretendida por moitos mozos.
Certo día chegou o conde Hollvrudet, do que se namorou, pero pouco despois apareceu un vello (Tuba de Oretón) que viña decidido a casar coa princesa amenazando con derrumbar o castelo de non aceptar. O conde decidiu enfrontarse a Tuba, e xusto cando lle cravaba a espada, soou un trono que derrubou a cidade e o castelo. Cando o conde recobrou o coñecemento, no lugar só había unha cova.

A tradición popular afirma que a princesa Xila está a esperar ao mozo que se atreva a entrar na cova para ceibala do meigallo que a ten presa alí dentro.


Leyenda del Rey Cintolo










Pablo Devigo

Nace en 1989 en Castro Caldelas, Ourense, onde con 7 anos comeza a estudar gaita. Con só 9 dá o seu primeiro concerto público no Pazo de Congresos de Galicia (Santiago de Compostela).

Aos seus 25 anos ten recibido máis dunha corentena de premios en concursos de interpretación, dos cales 25 son primeiros premios, sendo un dos gaiteiros máis premiados de tódolos tempos a pesar da súa xuventude. Algún destes galardóns son de carácter internacional como o Trophèe McCrimmon no ano 2008 outorgado polo Festival Interceltique de Lorient (Francia) ou o Concurso Internacional de Gaita Galega Constantino Bellon outorgado polo Ateneo Ferrolán, proclamándose gañador en catro ocasións, sendo o único intérprete en acadar dito número e en conseguir facelo de forma consecutiva en 25 anos de historia do concurso.

Especialista no repertorio de creación actual para gaita, ten estreado obras dalgúns dos principais compositores deste campo como Ernesto Campos ou Javier María López, algunhas das cales foron compostas ex profeso para él.

Ten actuado como solista xunto con numerosas formacións sinfónicas, tales como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Filharmónica de Pontevedra ou a Banda Sinfónica Municipal de Coruña, entre outras.

Paralelamente desenvolve a súa carreira como compositor. No eido da música de concerto para gaita galega conta cun catálogo de medio centenar de obras que van dende gaita soa a orquestra sinfónica, pasando por obras con piano ou con electrónica en vivo. Por este labor ten recibido o recoñecemento do Premio de Composición para Gaita Galega Constantino Bellón nos anos 2008 e 2009, este último premio recibido simultaneamente co de gaita solista, sendo o único participante en conseguilo na historia do concurso. A súa obra foi estreada no festival Musgafol (nas edicións I, II e III) e por agrupacións como a Orquestra Filharmónica de Pontevedra ou a Banda Sinfónica Municipal de Coruña. Como intérprete e/ou como compositor ten participado nunha decena de traballos discográficos.

Conta cunha formación musical amplamente interdisciplinar: licenciado dobremente en Composición (2013) e en Dirección de Orquestra (2014) polo Conservatorio Superior de Música do Principado de Asturias coas máis altas cualificacións da súa promoción, ten recibido recentemente o Premio de Composición Víctor Leoncio Diéguez 2014 outorgado por dita institución. Multiinstrumentista, conta con estudos oficiais en clarinete, gaita e piano, obtendo nesta última especialidade o Premio Extraordinario 2011 outorgado polo Conservatorio Profesional de Música de Oviedo.



Alguén dixo que non había cidades pra soñar
deloutro lado das montañas.
Non dixo se estaban no áer ou asolagadas nas lagoas,
ou perdidas no corazón do bosque.
Os que foron acolá nada atoparon,
nin altas torres, nin xardíns,
nin mulleres fiando no adro,
nin un rapaz aprendendo a tocar a gaita.
Só eu trouxen algo pra seguir soñando
algo visto e non visto na néboa da mañán,
algo que era unha flor ou un melro de ouro
ou un pé descalzo de muller,
un soño de outro que se puña a adormecer en min,
deitado nos meus ollos,
pedíndome que o soñase mais acó das montañas,
onde non hai cidades pra soñar.

E agora ando soñando por oficio, e non sei
se son eu quen soño, ou é que por min soñan
campos, olladas azúes, pombas que xogan cun neno,
ou unha man pequena e fría que me aloumiña o corazón.

Álvaro Cunqueiro, Mar ao Norde


Mercar Bria




DISPOÑIBLE EXCLUSIVAMENTE VÍA WEB.

Fai o teu pedido hoxe mesmo facendo click no botón de abaixo. Paga de forma segura a través de Paypal e recibe cómodamente na túa casa o libro.

Envíos a calquera parte do mundo.



Se non podes pagar con Paypal manda un mail a apintegamarela@gmail.com e arranxámolo.